|
Valencia
Sanidade investiga á discoteca que vai sortear un aumento de peito
Axencias. O ministro de Sanidade e Consumo, Bernat Soria, anunciou onte que o seu departamento abrirá un expediente informativo á discoteca Pachá de Valencia, que sorteará o próximo 4 de decembro unha operación de aumento de peito, na festa denominada Pretty Woman. Homenaxe á muller . A gañadora recibirá un bono valorado nuns 4.500 euros para que, se así o decide, cambie esta intervención por outra como unha fotodepilación ou inxeccións de Botox. Ao sorteo poderán optar todos aqueles homes e mulleres que paguen 20 euros por acceder ao local.
Con este expediente, Sanidade busca solicitar datos e recoller información sobre esta polémica iniciativa e saber «que se pode facer desde o ministerio», dixo Soria. O ministro subliñou que o seu departamento é partidario dun programa integral de promoción dun «aspecto saudable» e recordou que «a cirurxía reparadora é un tema competencia de Sanidade».
Soria dixo descoñecer se esta controvertida publicidade da discoteca valenciana «vai dirixida a menores ou maiores de idade», tendo en conta que, se é aos primeiros, «a sociedade ten que intervir, porque hai que tutelar os seus dereitos». E é que, sinalou, o aumento de operacións en menores é un asunto que preocupa ao ministerio e as comunidades autónomas. Insistiu o ministro en que o uso de certas técnicas cirúrxicas debe ser «moi responsable» e non pode estar asociado ao mundo dos locais de lecer.
Máis información en: http://www.lavozdegalicia.es
Noticia publicada o 20.11.2008
Fonte: La Voz de Galicia |