(Foto: Kopa
La Voz de Galicia)
   
     

Reportaxe
Na porta do silencio

Mariluz Ferreiro. Un berro rasga o aire da asollada mañá coruñesa. «¡Imos, Orzán!». Dous equipos femininos pousan enmarcados polo verde do céspede. O Orzán disponse a xogar contra o Oviedo Moderno. O público aplaude. A gardameta do conxunto galego non pode oílo. Tampouco lle asusta o estrondo do balón contra o traveseiro. Nin se desconcentra polo enxame de consignas que as futbolistas fan pulular polo campo. María José Díaz, de 29 anos, é xorda de nacemento e xoga co Orzán, en Primeira Nacional. é o seu terceiro encontro co primeiro equipo. Pero a súa estrea en casa. No seu caso, á proverbial soidade do porteiro hai que engadir o silencio. E o triunfo dun empeño persoal e un esforzo colectivo.

«Quería participar nun equipo de oíntes con igualdade, demostrar que os xordos poden xogar tamén, tiña moitas ganas de intentalo». As palabras son de María José, pero saen da boca da súa compañeira Marta Regueira, estudante de interpretación da linguaxe de signos. Marta é a correa de transmisión entre María José e o resto do equipo nos encontros e nos adestramentos. é lateral. Ante o Oviedo está de suplente. E repártese entre o banco e as visitas á portería para falar coa súa compañeira. «Tiven a sorte de contar cunha intérprete, que ademais o fai moi ben. Sen ela, todo fose máis complicado», indica María José. «Aínda así, hai outras complicacións. Non podo oír ao árbitro e ás veces non se onde se atopan as miñas compañeiras, porque non poden avisarme se están detrás», admite.

Leva o número 13 ás súas costas. E carga cos nervios de xogar ante o líder, un recentemente chegado da máxima categoría que agora é candidato ao ascenso. «é normal que estea nerviosa nos primeiros partidos», di Ana Cristina Jung, outra gardameta do Orzán. «Defender a meta unha gran responsabilidade e teño un pouco de medo, porque non me resulta fácil comunicarme, pero eu quixen ser porteira desde o principio. A miña única intención é colaborar co equipo. Ana é moi boa no seu posto e espero que se recupere pronto», comenta María José.

Máis información en: http://www.lavozdegalicia.es

Noticia publicada o 18.11.2008
Fonte: La Voz de Galicia