(Fotos:Galisigno/Internet)
   
     

Saúde
O Sergas crea a figura do dietista nos hospitais para vixiar os menús

E.Á. O Servizo Galego de Saúde (Sergas) ultima a normativa coa que se creará nos centros sanitarios a figura do especialista en dietética, cuxa función será a de deseñar e controlar os menús e os alimentos que se fornecen aos pacientes. Nestes momentos, en toda a rede hospitalaria galega existen unidades que se encargan deste deseño, pero non hai persoal especificamente formado para estas funcións.

Os traballadores que accederán a estes postos serán os que teñan o título de técnico superior en Dietética -fixado no Real Decreto 536/1995 (de formación profesional)-, que ademais de configurar menús e controlar a calidade dos alimentos tamén se encargarán da organización e a xestión da alimentación nas unidades hospitalarias. O borrador do decreto que nestes momentos está en fase de tramitación atribúe a esta nova categoría a supervisión da composición cualitativa dos produtos, a súa conservación, manipulación e transformación; así como a realización dun seguimento en relación con se os pacientes aceptan ou non as dietas.

Como nestes momentos estas tarefas desenvólvenas outro tipo de traballadores, cando entre en vigor a norma seguirán exercendo as súas funcións ata que quede vacante o posto. Unha vez que estea libre, transformaranse xa en prazas de técnicos especialistas en dietética. Desde o Sergas sinalan que será na mesa sectorial de sanidade onde se negocie o número de profesionais necesarios nos centros sanitarios para deixar cuberta esta función.

Máis información en: http://www.lavozdegalicia.es

Noticia publicada o 17.11.2008
Fonte: La Voz de Galicia